sempre me chamaron a atención os nomes de lugar en galiza. hai un tempo, antes de coñecer a existencia dos estupendos topónimos esdrúxulos de pepe cáccamo, que editou espiral maior, dei en facer pequenos poemas cos topónimos que ía vendo nas miñas viaxes polas estradas do país. algúns deses textos publicáronse nun blog que xa non existe. o resto creo que tamén os perdín.

“nomes de lugar” será unha colección de pequenos poemas feitos sobre a base da toponimia de lugar dos diferentes concellos de galiza. etiquetarei os textos en tres grupos:

os haicus
textos coa estrutura métrica do haicu, quer dicir 5-7-5. utilizarei só topónimos únicos. o que entenderei por “topónimo único” queda detallado aquí.
algúns concellos non teñen topónimos únicos abondos como para combinalos de xeito de facer un haicu con eles. nestes casos irei tomando decisións particulares: utilizar outros topónimos do concello pode ser unha delas

os catálogos libres
para sacudirme as rixideces dos haicus, estes textos serán poemas libres sempre construídos na súa totalidade por enumeracións de topónimos e utilizando sempre só topónimos dun mesmo concello

os poemas libres
ocasionalmente irei publicando textos baseados nos topónimos dun concello (ás veces podo poñer a xogar topónimos de concellos diferentes) pero que non se limiten á lista estrita dos nomes de lugar

o proxecto ten outras cuestións das que cabe comentar algo:

da toponimia utilizada
as listaxes cos nomes de lugar e mais as consultas para determinar se se repiten noutros sitios de galiza están feitas coa base de datos do nomenclátor que ten publicada a xunta. vaia aquí o meu agradecemento para “o home na sombra” que me facilitou unha descarga desa base de datos. como curiosidade, o lugar que aparece na foto do cabezallo non está rexistrado alí. debo sacar en conclusión que haberá máis e igual teño sorte e vounos descubrindo no traxecto. “mazandoi” está no concello de xermade, na estrada que vai das pontes de garcía rodríguez a momán. cando volva por eses sitios prometo dar máis información.

as fotos
unha das razóns que fará que a actualización do proxecto sexa máis lenta pero, á vez, que lle engade un beneficio persoal maior é que todas e cada unha das fotos que aparezan neste proxecto serán fotos feitas por min expresamente para el. vaime valer para, aos poucos, percorrer todos os concellos do país e moitas das súas estradas secundarias.
como toda regra que invento, case seguro que nalgún punto decido transgredila, pero será con algún motivo e explicareino.
a foto do cabezallo é un exemplo de excepción: fíxena hai case dez anos e fai parte dunha serie chamada “os veos da paisaxe“.

as colaboracións
o proxecto contará con sinaturas convidadas. podedes ver en “quen é?” máis información ao respecto.

a licenza
os textos que escriba para este proxecto así como as imaxes feitas por min que utilice, publícanse aquí baixo licenza creative commons do tipo by-nc-sa, o que significa que é posible compartilos/as e mesmo facer obras derivadas deles/as sempre que se faga referencia á fonte e que as obras que se deriven desta non teñan finalidade de lucro e sexan compartidas coa mesma modalidade de licencia:

cc

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *