topónimos únicos

un topónimo “único” é o que non se repita noutros concellos de galiza.
esta cualidade que semella obxectivábel, non sempre o será: ocasionalmente tomarei decisións máis subxectivas baseándome sobre todo en criterios estéticos.
vexamos algúns casos xerais:

topónimos con ou sen artigo: se en outes existe “viro” e en ourense “os viros”, eses xa non serán considerados topónimos únicos.

veciños repetidos: se un topónimo se repite só dentro dun mesmo concello, considerarémolo único. por exemplo: en santiago existe “a sionlla” e mais outros dous: “a sionlla de arriba” e “a sionlla de abaixo”, todos dentro do mesmo concello de compostela. aos efectos, consideraremos, pois, “a sionlla” como un topónimo único.

topónimos compostos: nestes casos, para tomar a decisión, analizarei primeiramente o específico e despois o conxunto. uns exemplos:
– no concello de baleira existe un lugar que se chama “vilarín de cubilledo”. non hai en toda galiza ningún outro lugar con ese nome, pero si moitos “vilarín” e varios “cubilledo” polo que non vou considerar “vilarín de cubilledo” como un topónimo único.
– na agolada existe un lugar chamado “fondo de brántega”. hai en galiza un cento de lugares con nomes compostos a partir de “fondo” pero a palabra “brántega” só aparece no topónimo fondo de brántega. xa que logo, vale como topónimo único.
– hai casos “especiais” como, por exemplo, “o carballo mariño”, en alfoz. en galiza hai varios lugares co topónimo “carballo”, algúns “mariño” ou “o mariño” e varios topónimos compostos que inclúen “mariño”. pero “o carballo mariño” propón unha imaxe bastante orixinal e, ao meu ver, moi bonita, polo que vai ser admitido no clube dos topónimos únicos.

as variantes dialectais: algúns topónimos aparentemente únicos son variantes dialectais doutros. por exemplo, en santiago de compostela existe un lugar chamado “vríns”. non hai outro “vríns” en toda galiza. pero é posíbel que esa palabra sexa unha variante dialectal dos “virís” que si aparecen en pantón e cerceda. pero, como moitas veces non terei certeza (unhas poucas veces porque non a hai, outras moitas porque os meus coñecementos filolóxicos non chegan a tanto), aceptarei estas variantes dialectais como topónimos únicos cando o sexan.

discusións: obviamente, todos estes criterios son matizábeis. xa que logo, escoitarei as ideas e opinións que os lectores me fagan. o bo deste soporte é que podo introducir nos textos todas as modificacións que sexan precisas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *