rematada a función / juancito caminador acaróase na barra / dunha taberna en ingeniero white /// a imaxe é do poeta / que viviu os seus soños / e mais soñouno vivo / e máis morto /e aínda así / non soubo del / nin a metade da imaxinación do mundo /// alí escoita / juan entre os sons xordos / dos vasos na madeira / das botellas nos vasos / a historia marabillosa e certa / do mariñeiro que divisou unha balea / no medio do trebón ///
vagaba tan extraviada coma o barco / no centro do centro da chuvia mesta / das ondas salgadas do vento irreflexivo / da bruma que recende a argazo ///
a curva gris do lombo era unha luz / no negror do vendaval // erguíase brillante e / volvía sumir / no mar coma un destino ///
no centro da pista / unha mesa unha caveira un coello // o ilusionista vende / soños por dous pesos // e cando a carpa do circo / ficabaldeira de asombros / o home agocha / o seu tremor no abrigo raído / e mergulla na noite / na xenebra / no poema
a nena con vestido de domingo / que esculca cada movemento do prestidixitador / e cando se apagan as luces esfúmase deixando tras de si / un ronsel pálido