e volveu macarena como un camalote / traída pola inundación /
cando o río era maré opaca / e a esperanza non minguaba /
juan poeta / só porque ti eras ti / e o mar tan triste
cando envías luz / mesmo a morte devolve / un violín un paxaro un / verso ///

a balea baixa / pola corrente do paraná / e ao chegar ao mar marrón / espállase en lianas e liques / cara a liña crecha do horizonte //

e macarena é tigre / extraviado no río // pero percorre as rúas / da cidade de silencios / coa calma de quen se sabe / collida da man morna das palabras //

igual estabas ti / aquela vez única / que nos vimos ///
o argazo do rostro iluminábase / coa brasa do cigarro / na penumbra da rúa fría das tabernas //

e o porto non era o de tuñón / senón un escenario / no que xa non resoan / os berros da carga / o renxer das grúas //

a seguinte foto é nun bar //
nas rúas escuras / a luz que se espalla / pola cristaleira do bar / dálle á imaxe / un matiz irreal // como unha película // unha esperanza

cos teus ollos / dixeches unha frase de despedida / e a min despediuseme unha patria ///

e ti fuches quedando / ancorado nalgún outro / porto de teu /

e na rúa aínda o fume / deseñaba a silueta / da balea errante na que viaxas //
a que levaba no interior / como a xonás / juan e os mortiños que arrastramos /
con cadansúa maleta pecha / para resgardar a memoria / e os ollos

(ir á versión actual)