cando regresaba ulises dos restos calcinados de troia / foi tentado por sereas / atacado por cíclopes /
pero por ningunha / destas criaturas foi vencido //
pero non o venceu ningunha / destas criaturas
a primeira solución é / de gelman
a segunda é / máis prosaica / e miña
navegou ulises con afouteza ou valor /
navegaron / el e os seus compañeiros / todos os mares /
cando finalmente / decidiu encamiñarse cara a penélope /
tornar á india / diría gelman do francés aimé bonpland
cando colleu / ulises / camiño á illa de seu / ao lar / para deixarse morrer / nese seu acubillo /
aínda que nunca se sabe se son de un / as cousas que deixamos atrás hai mil anos
nese seu derradeiro / camiño / atopou a balea / e tras dela marchou /
puxo os ollos / no ronsel que o seu canto / deseñaba nas ondas /
e navegou outros mares / e esqueceu a penélope /
(bonpland non esqueceu nunca / as flores no colo de nunu / a india na boca do orinoco)
e penélope tornou / aínda máis anciá / se isto é posíbel /
e tamén morreu / e morreu ulises vagabundo / solitario /
(porque o canto da balea / dá aos vivos só / acubillos provisionais /
e a balea é libre / e tal como chegou marchou / e deixou a ulises / extraviado para sempre)
e no seu / vagar sen norte / tivo tempo / de agradecerlle a ítaca a viaxe /
desde lonxe / como mandara o poeta alexandrino //
porque as baleas viven / aínda máis eternamente / que os poemas