sobre a mesa dun bar / en boedo montmartre ou chueca / (que é como dicir / en calquera lugar ou recordo) / o poeta raúl / gonzález tuñón espalla / fotogramas dunha infancia en barracas

eu non sei se é barracas / ou calquera outro país / a súa cuna

a película ten rúas anegadas / (no soño tórnase venecia)

barracas chámase tamén noia ou fisterra / pero é posíbel que o poeta confunda
/ historias de seu pai / ou a ficción doutra nostalxia

o relato é en branco e negro / e ten barcos nas rúas / e os nenos chapuzan e corren na auga e rin

ou acaso un porto baleeiro / e cadáveres de cachalotes

a barracas non chegou nunca unha balea / nunca navegou unha balea / polo río que discorre diante da noria

e a noria xa non xira
e os cabalos de madeira non teñen nenos tristes

resoa a pianola nas pedras das rúas / as da memoria do poeta /
a chuvia repenica sobre a inundación / eslúe a memoria

(ir á versión actual)