sobre a mesa dun bar
o poeta raúl
gonzález tuñón espalla
fotogramas de infancia en boedo
(ou en calquera outro recanto
ou recordo)
na película hai rúas anegadas
(no soño tórnase venecia
e chámase noia ou fisterra)
pero tal vez o poeta confunda
historias de seu pai
ficcións doutra nostalxia
o relato é en branco e negro
e ten barcos nas rúas
e os nenos chapuzan e corren e rin
e acaso de fondo
poida intuírse na néboa
un porto baleeiro
e cadáveres de cachalotes
nunca navegou
balea
polo río que transcorre
debaixo da ponte
houbo algunha vez unha noria
pero agora é nome
e nos cabalos de madeira
non montan nenos tristes
resoa a pianola no empedrado
nos recordos (inventados) do poeta
e a chuvia
cando repenica sobre a inundación
eslúe a memoria
>> algúns retoques n’os soños de tuñón
>> os soños de tuñón
>> versión inicial