el era aínda novo
e ela xa regresara
unha vez
da morte
ela sementaba preguntas
e el poñíase triste
cando unha palabra faltaba ao encontro
esa teima súa
pola precisión das fronteiras
ela navegaba
entre a serenidade do abismo
e a tensión do verso
el anoábase ao mastro
para que non o arrastrasen as ondas
desde un alto
fronte ao mar de vigo
avistaban baleas no horizonte
ela quería ir máis aló
pero el tornaba a vista á terra
e teimaba en ancorar
no seu pequeno silencio descuberto
séntese fráxil
quen escolle arrodearse de preguntas
pero ten o poder da dúbida
a firmeza de non deixarse
aloumiñar polo afago
agora el vai vello
máis do que ela poderá ser nunca
e xa non procura respostas
descubriu a beleza
das perspectivas imprevistas
e que a poesía é disonante coas certezas
>> de limpeza
>> pequenos apuntamentos
>> do papel (baleas no horizonte 1)
>> coa vista no horizonte
>> versión inicial