epitafios para un poeta inexistente

era demasiado novo e cría
que a literatura era un artificio

cando se fixo maior
comprendeu
que a literatura é
un artificio

 

tentou reducir o mundo
a versos mínimos
porque non sabía que as palabras
que faltan
son as que alargan a paisaxe

 

quixo afundir
raíces en terra estraña
ou non tanto
non tanto afundir
digo
ou terra
porque a poesía muda
navega

 

tentou que o verso
cobrase forma de pedra

non para lanzala
na fronte do poderoso
senón para crebar
a impasibilidade do espello

 

deseñou unha paisaxe
na pel tersa da balea

 

(ir á versión actual)