chora meu meniño
chora
quen che vai dar a teta?
se túa nai vai na fábrica
na folga
na cola do paro
teu pai no sindicato
no mar do norte
o todo silencio escuro
a envolver
o teu só silencio feble
o espazo no que medras
o mundo
contendo a respiración
o día xa marchou
e na escuridade pecha
podes sentir
dous corpos a abalarte
con sonos intranquilos
igual mañá non hai
pan
pero hai xermolo
que túa nai
limpa na casa dos ricos
frega as sobras da farta
e teu pai escribe currículos
que son papel
mollado
e no silencio
sentes medrar
apreixas
calquera fío de luz
de chuvia ou gris
a esvarar polas contras
procuras
os sons da rúa
do mar
o canto da balea
que fai coas túas
bágoas
un acorde
algo disonante
e se túa nai
cose botóns por milleiros
teu pai na barricada
e ao chegar a tarde
regresan
cansos como de arar
co son do vento
o repenique
da chuvia nas costas
dorme
meu meniño
dorme
que haberá recendo
a caldo limpo
e pan de onte
se o mollas
enchóupase
como unha idea
e medra e quita
a tristura
mira a luz
como se escorrega
polas contras
e o arrolo
da balea
dorme
soña meu meniño
imaxina
que se abre a fiestra
e co aire salgado
alá no final vén
un horizonte