León (III) – San Isidoro

Despois da imperdíbel Catedral gótica, outro dos motivos que merece unha viaxe até León é a Real Colexiata de San Isidoro.

Como xa contei, estivemos en León hai algo máis dunha semana. Pero non foi até onte que conseguín poñerme con esta entrada. E, cando o fixen, tiña a estraña sensación de que non sabía nada deste edificio. Unha consulta co insomnio permitiume aclarar o problema: non se trata de non ter información senón de non ter unha visión de conxunto que me permitise ordenala.

A colexiata de San Isidoro está dividida hoxe en día en tres partes: por unha banda, a igrexa, doutra, o Museo e, por último, o hotel.

E a visita faise por anacos. A igrexa vímola, sen moitas explicacións, o sábado pola mañá, como parte da visita guiada á Catedral e casco histórico que comentei na entrada anterior. Pola tarde, fixemos a visita ao Museo, situado nunha torre no estremo esquerdo (vista a colexiata desde a fachada da Plaza de San Isidoro). Contabamos con que, desa, nos explicasen un pouco máis a igrexa. Pero non foi así: a visita ao museo restrínxese a certas dependencias concretas da propia torre e o Panteón Real, pero non está incluída a igrexa. Por último, o hotel, situado no antigo claustro e nas dependencias monásticas. É… un hotel, que non se visita de xeito organizado. Sen estar aloxado alí pódeselle botarlle un ollo discreto se vas ao restaurante e pouco máis (nós só chegamos á porta do restaurante porque foi un dos que, como xa contei, nos dixeron que non tiñan mesa se non tiñamos reserva). Pero, para chegar até alí, puidemos andar por algúns impoñentes corredores e botar un ollo ao claustro.

En fin, ao que vou: en ningunha das visitas que fixemos se nos deu unha explicación moi profunda do conxunto. Ademais, as dúas veces que chegamos até San Isidoro chovía, polo que apenas teño algunha fotografía do exterior. Si teño algunha máis do interior da igrexa e no Museo non se poden quitar fotos. Pero, para quen estea interesado, hai unha profusa explicación da historia do edificio na Wikipedia e bastantes fotografías na rede do Panteón.

A igrexa

A igrexa é de estrutura románica, con planta de cruz latina. Ten tres naves no brazo principal con bóveda de canón e arcos de medio punto sobre pilastras con capiteis decorados. A mesma estrutura repítese nas tres naves. Na cabeceira dispoñíanse tres ábsidas semicirculares.

San Isidoro – León – nave esquerda

Ten dúas intervencións relevantes de estilo gótico: a nova cabeceira e o coro. Na seguinte fotografía pode verse a cabeceira, o final da bóveda de canón do brazo principal (obsérvese que a igrexa non ten cruceiro na intersección de ambos os brazos) e outra das curiosidades do templo: os arcos lobulados que separan os brazos laterais.

San Isidoro – León – cabeceira

E unha imaxe na que se pode ver parcialmente o coro gótico.

San Isidoro – León – Coro

O retablo maior é unha composición de 24 táboas policromadas do século XV. Este retablo non foi concibido para estar aquí senón para a igrexa de Pozuelo de la Orden, en Valladolid. O obispado de León trasládao a San Isidoro no século XX.

San Isidoro – León – Retablo maior

No centro, ao pé do retablo, unha urna de prata de estilo neoclásico labrada polo prateiro leonés Antonio Rebollo en 1874 garda os restos de San Isidoro.

O museo

A visita ao Museo é obrigada. Inclúe catro elementos, todos interesantes: a biblioteca, o tesouro, o cáliz de Dona Urraca e o imperdíbel Panteón Real.

A biblioteca está situada nunha sala interesante en si mesma. É de estilo renacentista, obra de 1534 de Juan de Badajoz el Mozo. Contén unha colección de 155 códices catalogados, algúns deles iluminados, froito do importante scriptorium co que contou este mosteiro. A biblioteca ten, ademais, centos de documentos, case 300 incunábeis e máis de mil volumes de libros antigos ou raros dos séculos XVI, XVII e XVIII. Por suposto, nunha visita turística, todo este material só se pode ver desde lonxe.

O cáliz de Dona Urraca é unha especie de copa composta por dúas pezas de ágata de época romana. Son dúas cuncas que, no século XI foron unificadas por unha estrutura de ouro e pedras preciosas dándolle a forma de cáliz que ten actualmente. Máis alá do seu valor artístico, o seu interese acrecéntase tras un estudo publicado en 2014 no que se realiza unha traza completa das cuncas de ágata desde o século IV e que alimentan a lenda de que poida tratarse do Santo Grial, a copa que Cristo utilizou na última cea. Existen no mundo moitos “santos griais”. Este é un deles.

O tesouro non puidemos visitalo porque estaba pechado para reformas da exposición. Pero si puidemos ver o Panteón Real. Merece a pena unha viaxe a León para ver esta xoia da pintura mural románica.

O panteón é unha sala situada debaixo dos pés da igrexa. Foi construída como Panteón Real e alberga os restos de varios reis de León e de Navarra, raíñas e infantes. Entre moitos outros, consérvanse aquí os restos do rei García de Galicia.

A sala contén varias sepulturas pero, durante as guerras da independencia, no século XIX, o Panteón foi utilizado como cuadras. As tumbas foron abertas e os restos amoreáronse nun recanto da sala (as tumbas foron usadas como pías para dar de beber aos animais).

Na restauración, repartíronse os restos de forma máis ou menos aleatoria polas sepulturas, cubríndoas con tapas de pedra. A maioría das laudas orixinais perdéronse.

En archive.org pode consultarse un documento que detalla o estudo antropolóxico realizado sobre as tumbas e os restos deste panteón.

Pero o maior interese desta sala non está nas sepulturas senón na decoración dos muros e as bóvedas: un programa iconográfico con imaxes do nacemento de Cristo, a súa morte e resurrección. Como era habitual, o programa segue unha orde pedagóxica: a Anunciación, a Visitación, a Epifanía, a Natividade, o anuncio aos pastores, a fuxida a Exipto, a circuncisión e a matanza dos inocentes; a última cea, a paixón e a crucifixión e, por último, a resurrección e a entronización.
Completan a decoración un zodíaco e un precioso calendario agrícola.

As pinturas restauráronse sen repintar e conservan as súas cores orixinais. É unha oportunidade extraordinaria de apreciar pintura mural románica en excelente estado de conservación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.