Románico na montaña palentina (III)

(A primeira parte desta viaxe está contada nas dúas entradas previas: parte I, parte II.)

O plan para o domingo era ir xa pola mañá até Frómista pero quedárannos do sábado algunhas igrexas que queriamos ver.

Xa que logo, volvemos coller CL-626 en dirección a Cervera de Pisuerga. Para chegar onde queriamos, pouco antes de Cervera de Pisuerga cómpre coller a estrada P-227 cara ao surleste. Os carteis indican Herrera de Pisuerga. Por esta estrada fomos até Perazancas onde hai dúas cousas interesantes: a igrexa da Asunción e, saíndo da aldea cara ao sur, a ermida de San Pelayo.

A igrexa da Asunción é un templo do século XII, en orixe tiña unha soa nave e unha ábsida semicircular. No século XV ampliouse a tres naves e trasladouse a portada á cara meridional. No XVII sufriu unha nova modificación que alterou por completo a orientación do templo. A primitiva ábsida do século XII quedou adosada ao templo como unha capela lateral.

La Asunción – Perazancas – Palencia

A decoración da fachada está composta por pequenas figuras de músicos, como no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. Velaquí dous fragmentos:

La Asunción – Perazancas – Palencia – músicos na fachada (facer clic para ampliar)

La Asunción – Perazancas – Palencia – músicos na fachada (facer clic para ampliar)

En canto á pequena ermida de San Pelayo, atópase na saída do lugar cara ao sur. O edificio data do século XI e é un dos máis antigos da zona. Porén, debeu existir no mesmo lugar un edificio anterior de estilo mozárabe. Algúns fragmentos desta construción descubríronse na fábrica actual.

Ermida de San Pelayo – Perazancas – Palencia

Velaquí un detalle do axedrezado da decoración da ábsida:

Ermida de San Pelayo – Perazancas – Palencia – Ábsida

A fachada da ermida está situada no pé. A porta é moderna e ten unha fenda pola que, a pesar de estar pechada, albiscábase o interior no que se conservan algunhas pinturas murais.

Ermida de San Pelayo – Perazancas – Palencia – interior

Despois seguimos ao sur para chegar novamente ao cruzamento coa PP-2131 que, en dirección Aguilar de Campoo, levounos até o desvío da PP-2132 cara ao Barrio de Santa María. Polo camiño, en Foldada, está outra das que nos chamaron a atención desde lonxe pero non vimos: a igrexa do Salvador.

Iglesia del Salvador – Foldada – Palencia

En Barrio de Santa María cómpre visitar a ermida de Santa Eulalia. É unha pequena ermida dunha nave coa portada no lado norte, de arco lixeiramente apuntado con arquivoltas.

Ermida de Santa Eulalia – Barrio de Santa María – Palencia

Na decoración da ábsida, no pequeno capitel dunha das fiestras, pódese aprezar a escena de Adán e Eva coa Serpe.

Ermida de Santa Eulalia – Barrio de Santa María – Palencia – Capitel de Adán e Eva (facer clic para ampliar)

O interior da ermida merece ser visitado. Por dous motivos principais: a decoración pictórica dos muros e a estrutura en diferentes niveis. Nós non puidemos entrar pero hai unha visita virtual de 360º facendo clic aquí.

Despois de visitar a ermida, seguimos en dirección Aguilar de Campoo para coller novamente a N-611 cara ao sur. Non son moi amigo das vías de alta capacidade cando estou a facer turismo porque penso que perdo de atravesar as pequenas poboacións que, en xeral, son as que reservan os mellores tesouros. Pero, desta vez, por axilizar o traxecto que xa víramos o día anterior, collemos un pequeno tramo da A-67 até a saída de Becerril del Carpio. Desde alí, volvemos tomar N-611 até un desvío á esquerda que indica Rebolledo de la Torre. Por esta vía, que se interna un pouco na provincia de Burgos, chégase a esta localidade burgalesa que alberga unha interesante igrexa adicada aos santos Juan e Basilisa. A igrexa non puidemos visitala por dentro (por problemas de tempo, seica no bar do clube social da aldea teñen a chave) pero o máis interesante está fóra: unha importante galería románica de dez arcos…

Santos Juan y Basilisa – Rebolledo de la Torre – Burgos

As columnas da galería teñen capiteis minuciosamente decorados con motivos diversos:

Santos Juan y Basilisa – Rebolledo de la Torre – Burgos – Capiteis (I)

Santos Juan y Basilisa – Rebolledo de la Torre – Burgos – Capiteis (II)

Santos Juan y Basilisa – Rebolledo de la Torre – Burgos – Capiteis (III)
Santos Juan y Basilisa – Rebolledo de la Torre – Burgos – Capiteis (IV)

E tamén son atractivos os canzorros e este curioso capitel dunha das columnas da estrutura xeral:

Santos Juan y Basilisa – Rebolledo de la Torre – Burgos – Canzorros (I)

Santos Juan y Basilisa – Rebolledo de la Torre – Burgos – Canzorros (II)

Santos Juan y Basilisa – Rebolledo de la Torre – Burgos – Canzorros (III)

Desde Rebolledo de la Torre continuamos xa camiño ao sur onde nos esperaban as dúas últimas paradas do traxecto: Frómista e Palencia cidade.

Continuará…

https://www.google.com/maps/d/u/0/embed?mid=1zMsx3xg4Hk947qd0NxrWLdT8U0o

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.