Facer lugares con palabras

Poñerlle nome a algo é un acto creativo, xerador de realidade. A lingüística fala do valor performativo como capacidade da linguaxe humana para instaurar realidades, para crear o que nomea. Dicía J. L. Austin –a quen parafraseo no título- que un enunciado performativo non se limita a describir un feito,  que ao expresalo “realízao”. Pero o poder da linguaxe pode ir aínda máis alá xa que a súa forza performativa é quen de imporse sobre a nosa percepción da realidade, ten a capacidade de actuar sobre ela para crear conceptos, e tamén para definir, identificar, especificar e controlar…. Explicado doutro xeito: hai una función instrumental da linguaxe (comunicar, transmitir, realidades) pero que inevitablemente afecta (porque delimita, acouta, modela…) esas realidades. O signo lingüístico iserido en contexto adquire significado social, e ese significado social constrúe sociedade.

Poñer nome é tamén un acto máxico. Un acto no que conflúen o acerto na elección e o rito da imposición, ambos garantirán o éxito do nomeamento, a perduración da identificación entre o nome e o nomeado.

Poñer nome é, finalmente, unha forma humilde de sermos “Deus”, unha modesta aportación á Creación. Bautizar un fillo (escollerlle o nome) probablemente sexa o acto máis duradeiro e transcendente que faremos nunca. Cunqueiro dicía que o poema é a parte que eu teño na Creación, máis modestamente nomear algo é a parte que se ten na totalidade de ese algo, pero vén sendo o mesmo que un poema: capturar unha esencia e retratar mediante a palabra.

Poñer nome a un lugar é polo tanto un acto poético, necesariamente poético, e neste caso moi semellante á lírica popular (ou aos contos tradicionais): alguén o crea (alguén lle chama dunha maneira a un lugar por primeira vez), pero ese nome perdurará ou non segundo a aceptación que teña nos “usuarios”, que repetirán, variarán, derivarán, cambiarán, adaptarán foneticamente aos usos de cada tempo… e teremos ao cabo un topónimo “fundado” por alguén pero construído pola colectividade humana que ao longo do tempo o usou. Como unha cantiga ou un conto popular. Para que un topónimo perdure o seu creador tivo que ter bo ollo, tivo que ser capaz de acertar con el, tivo que ter, ao cabo, cerne de poeta para que ese topónimo traspasase os tempos e recalase en nós.

Un topónimo é retrato dun lugar, pero é tamén (e quizais sobre todo) retrato de quen o creou. Na maneira en que bautizamos os nosos lugares retrátase o que somos como pobo. Na diversidade e pluralidade da realidade física que nos rodea nomeamos o que vemos, o que identificamos ou singularizamos, o resto non. Ao que non ten entidade ou significado para nós nunca lle poderemos poñer nome. O que existe para nós ten que telo, é parte da súa existencia o feito de termos capacidade de nomealo. Desde a perspectiva das ciencias e do coñecemento científico os topónimos son fonte para a xeografía, a xeoloxía, a lingüística, a historia… pero tamén a etnografía e a antropoloxía. Desde a perspectiva das artes, cadrando o círculo creativo (instrumental-máxico-performativo), aquí son fonte e materia poética.

santiago de compostela (1)

gamás / camouzo
pai da cana / marantes
xan xordo / vrins

se non se visualizan as imaxes, podes ir velas directamente en flickr facendo clic aquí.

 

preparando o terreo

a edición deste proxecto será lenta pero firme. é un proxecto para durar. pouco a pouco irei contando de que vai e espero non tardar en colocar as primeiras entradas.

sede pacientes!