simplificar (clavel del aire)

este texto bátese por manterse no libro. simplificar algunhas das imaxes do inicio axudan a meterse dentro do texto.

n falaba dunha
flor
que facía parte
da memoria de m
 

pero no relato
deviña invasora
ocupábao todo
abafaba as árbores
até o exterminio
 
 

de improviso
a paisaxe da conversa
e a da memoria de m
eran diferentes

ou

o relato causaba
nas postais da infancia de m
un defecto de forma
 
 

m escoitaba
e debatíase entre o esforzo
de intercalar a novidade
nas súas propias fotografías
ou facer
resistir
a paisaxe
 
 

é máis cálida a memoria dun tempo
e un lugar inexistentes?

ou a certeza de sabermos deseñar
territorios novos
aínda que doian?
 
 

o poema é
o negativo dunha foto
neboenta
 

e se procuras entender
o presente
cuestionando a paisaxe
o mundo vólvese inestábel
 
 

son iguais as singraduras da balea

conservan memoria na pel
pero eses mapas son
invisíbeis aos seus ollos
 

magalhães resiste

fixen algúns amaños neste poema. considerei eliminar unha parte da historia para alixeirar o texto pero paréceme bonita.
ás veces cómpre renunciar a versos ou estrofas que, en si mesmas, un cre que son boas pero que, no texto todo, semellan restar máis que aportar.
pero non sempre son doadas esas renuncias.
neste caso penso que os versos deben resistir: non estou convencido de que resten e mais a historia de magalhães é o miolo do poema:
 

e o poema sobre magalhães
que no empeño por arrodear o mundo
e acadar as illas das especias
arribou sen sabelo
a terra de baleas

ou debería dicir
ao seu mar
 
 

era inverno árido
ou acaso non é posíbel
imaxinarlle outros veos
a aqueles territorios
 
 

imaxina que cres que o mundo
é máis extenso do que ditan os mapas

colles un barco
que é pequeno
se o comparas co horizonte
 

cal é a dimensión da túa certeza?

cal o límite da ousadía e do azar?
 

imaxina os ollos daquel home pequeno
ao chegar á araucanía

toda aquela vastidade erma
 

podes supoñelo
diante daqueles animais
a deambular na enseada inhóspita
e súa
e preciosa
 

pavor ou calma
nacería dos seus cantos?
 
 

pero o destino de magalhães
era aínda longo
e resistiu
a aquela harmonía insólita
e continuou viaxe incerta
 

ou acaso atopara
ante aqueles seres ilimitados
a fronteira do seu valor
 

partiu

puxo proa máis ao sur
na teima do paso procurado

atopouno
e herdoulle o seu nome

e nomeou pacífico
o océano que atopou ao cabo
 
 

imaxínate coas forzas no límite
despois de atravesar
todo o mundo coñecido

e ao contornar as marxes
atopas outro horizonte
aínda máis esgotador
 

aquel novo mar enfrontou magalhães

e dobregouno tamén
pero morreu sen sabelo
 

no estrondo da batalla
na lanza que o atravesa
volveu escoitar
o canto das baleas

música de fondo para a mágoa
de quen morre privado da certeza
de que aquel fose
ou non
o seu horizonte
 

pequenos apuntamentos

en “epitafios” fixen dúas pequenas correccións semántidas:
nun dos epitafios puxen do revés o sentido dunha estrofa porque dicía xusto o contrario do que quería que dixese
noutro, engadín un matiz para reforzar o sentido que igual non estaba tan claro.

ás veces marcar moito a dirección da lectura non é boa idea porque é importante que o lector poida darlle ás cousas os matices que son de seu. pero hai veces en que unha palabra pode engadir un matiz que desperte posíbeis lecturas novas. ese equilibrio é unha das cousas máis difíciles da poesía.

en “vense baleas no horizonte…” facía falta reorganizar as imaxes para reducir os abaneos dun texto que xa abanea de seu.

en “varadura” quitei algúns versos que non engadían nada especial. como regra xeral, o que non aporta, distrae. (e as regras xerais están para ser transgredidas, pero estas transgresións deberían ser sempre conscientes e ter un propósito.) tamén reorganicei algunhas imaxe para quitarlle unha sensación de desorde que me daba a lectura do texto.

(pen)última oportunidade (2)

estoutro texto, que a semana pasada valorei eliminar, penso que tamén pode resucitar cun tratamento que consiste na utilización intensiva da tecla “supr”.
 
 

n falaba dunha flor
que facía parte
das construcións da memoria de m
 

pero no relato
deviña invasora
ocupábao todo
abafaba as árbores
até o exterminio
 
 

de improviso
a paisaxe da conversa
e a da memoria de m
eran outras

ou

o relato causaba
nas postais da infancia de m
un defecto de forma
 
 

m escoitaba
e debatíase entre o esforzo
de intercalar a novidade
nas súas propias fotografías
ou facer
resistir
a paisaxe
 
 

é máis cálida a memoria dun tempo
e un lugar inexistentes?

ou a certeza de sabermos deseñar
territorios novos
aínda que doian?
 
 

o poema é
o negativo dunha foto neboenta
 

e se procuras entender o presente
cuestionando a paisaxe
o mundo vólvese inestábel
 
 

son iguais as singraduras da balea

conservan memoria na pel
pero eses mapas son
invisíbeis aos seus ollos
 

(pen)última oportunidade

antes de tomar a decisión de retirar este texto, voulle dar unha nova oportunidade recurtándoo á mínima expresión (e, na práctica, retornando ás orixes do poema).
 
 

escapar ao lombo da balea

a estratexia consiste
en imaxinar a inquietude
a cada dobra do itinerario

cada prega da paisaxe

 
 

primeira fuxida

se cómpre fuxir
dun cárcere sórdido
a balea ten a cor das estradas
nas películas americanas

ocre e sol
area e o brillo no reflexo dun coche
que pasa a toda velocidade

como se existise o tempo
algunha dimensión do horizonte

 
 

segunda fuxida

se dun hospital psiquiátrico
tanto ten se é balea
ou tigre

navegar a pulso ao seu carón

atravesar a sabana
coa urxencia da fame

 

revisar ou retirar?

hai dous poemas no libro que, reléndoos con algunha distancia, non pechan.
podería tentar corrixilos, pero xa o fixen máis veces e seguen sen funcionar.
igual é o momento de retiralos.

son este e este.

voulles dar un algo de tempo máis a ver se lles atopo unha forma válida.
se dou, ben. e se non dou, quitareinos do libro sen mágoa: o poema só ten sentido cando pode competir co silencio. e algo deixarían ao seu paso.

retoques en “navegar a carón dunha balea”

reformular unha estrofa, simplificar algúns cortes de verso, …
pequenas correccións para mellorar a fluidez do texto.

navegar a carón dunha balea

sentirse á vez
feble e tranquilo
 

estirarse como se fose posíbel
percorrerlle a pel
lisa e fría
 
 

a balea é metálica

treme no contacto coa man
e produce melodías grises
 
 

o músico jacobus van eyck
ocupouse nun tempo
de manter afinadas
con precisión milimétrica
as campás todas da cidade de utrecht
 

resultaba estraña aquela
harmonía
porque o toque das campás
adoita ser disonante

pero el procuraba
que fosen reflexo
da imaxe que tiña de deus

da exactitude
que ao seu deus lle supoñía
 
 

o canto da balea non é
simétrico
son impuros os harmónicos que produce
se a rozas
 

se a apalpas
os calos que medran no seu lombo
semellan conservar memoria
de todas as singraduras

pero a balea esquece
mesmo a corrente na que paira
 

porque a memoria é náufraga
e doe
 
 

imaxina unha igrexa de utrecht
tal como a representaría
calquera pintor da época

liñas que se proxectan cara ao alto
igual que ascende a luz
e delimita volumes

espazos de penumbra
 

igual que está feito de liñas de luz
e sombras
o corazón dos homes
 
 

navegar a carón dunha balea

sentir a fatiga toda da viaxe
e o descanso de saberse
imperfecto

manter algúns hábitos

na maioría dos meus libros, explícito ou non, hai algún texto a modo de arte poética. nalgún mesmo hai máis de un. este texto que engado hoxe quere ser algo así.

epitafios para un poeta inexistente

era demasiado novo e cría
que a literatura era un artificio

cando se fixo maior
comprendeu
que a literatura é
un artificio

 

tentou reducir o mundo
a versos mínimos
porque non sabía que as palabras
que faltan
son as que alargan a paisaxe

 

quixo afundir
raíces en terra estraña
ou non tanto
non tanto afundir
digo
ou terra
porque a poesía muda
navega

 

tentou que o verso
cobrase forma de pedra

non para lanzala
na fronte do poderoso
senón para crebar
a impasibilidade do espello

 

deseñou unha paisaxe
na pel tersa da balea

a néboa

un dos textos que quedara sen desenvolver (vacas) foi o xermolo para este texto novo, que engado cando a construción do libro vai chegando ao seu remate.
se todo vai ben, en breve teredes novas sobre os camiños que han percorrer estas baleas.

a néboa

un río

o tempo que se detén

un bote

o ruído dos remos ao bater
na superficie tersa da auga

os reloxos non existen

 

o bruar dunha vaca
na néboa

o son dos axóuxeres
das vacas
que xorden da néboa da noite

nos vales escuros

 

o bosque

as árbores tecen sombras
e tentas pasar
desapercibido
pero o ruído dos pasos
na follaxe
atrona

 

a néboa

a praia
a area fría

o mar
só se intúe

o canto da balea

onde poñas a vista (ou o oído) hai unha balea

esta tempada atopo baleas alá onde miro. e baleas atravésanseme no camiño decote. tres exemplos:

un
en xuño, vertixe sonora ensemble ofreceu, dentro do ciclo “do audible”, un concerto titulado “o canto das baleas”.
non puiden asistir pero na rede fun atopando as pezas incluídas no programa (que non é o mesmo pero é o que hai, diría -aproximadamente- silvio rodríguez):

“canto de balea” do sarrián abraham cupeiro en versión da orquestra de cámara galega e abraham cupeiro (karnix).

“toposition(s) #3” de charles-antoine frèchette (creo que a versión que aparece aquí é de vertixe sonora ensemble)

“ballad” de fernando garnero (versión do ensemble l’imaginaire)

dous
unha das moitas cousas que lin este verán foi o ardalén de miguel-anxo prado, onde as baleas teñen un secundario moi protagónico.
algunhas das marabillosas baleas do libro poden verse nesta entrada do seu blog:

tres
hoxe atopei esta preciosa crónica de manuel gago no seu capítulo cero que ten baleas e poemas: nin que estivese feito para min.