ir ao contido →

obradoiros de escrita

debeu ser alá por 1997 que comecei, con paco souto, a coordinar obradoiros literarios. fíxeno de xeito continuado durante moitos anos até que as moitas ocupacións (e un pouco a chegada da crise) fixéronme case parar.
agora chega o momento de volver transitar eses camiños.

empecei hai uns meses cun obradoiro de lectura e escrita para nenos e nenas na biblioteca municipal das pontes. foi un convite que me sorprendeu, porque non tiña experiencia nese tramo de idade, pero que me fixo moita ilusión. levamos xa algunhas sesións e, aínda que hai cousas que me gustaría cambiar para outro curso, a experiencia está a ser moi divertida e positiva.

agora chega a quenda dos maiores: no mes de febreiro botarán a andar dous obradoiros en paralelo: un na mesma biblioteca das pontes e outro en compostela.

o das pontes será un obradoiro de escrita que pretende recuperar un espazo que funcionou moi ben durante uns anos entre 2005 e 2008: seguir traballando pero incorporando tamén a xente nova que nos axude a abrir novos camiños. será os xoves á noite, a partir do 16 de febreiro e, en principio, terá continuidade até comezos de xuño.

o de compostela será a miña primeira experiencia cun obradoiro de xestión privada, seguindo un modelo que é normal noutros lugares do mundo pero que aquí só se empezou a explorar hai uns poucos anos. os meus primeiros pasos deinos hai xa tempo nun obradoiro literario que funcionaba deste xeito. as únicas diferenzas con aquel (ademais da latitude e lonxitude) é que daquela as sesións eran na casa do escritor que o dirixía, e que fumábamos moito durante as sesións.
desta imos xuntarnos nunha libraría de poesía (dito así xa é toda unha declaración de principios), a chan da pólvora, na rúa de san pedro. será os mércores ás 20h a partir do 8 de febreiro e o espazo ten vocación de se converter nunha actividade estábel, aínda que integrada dentro da programación habitual da libraría.

para darlle pulo a todo isto, veño de habilitar un espazo web no que poderedes atopar información bastante detallada e onde irei amosando tamén os resultados de todo este traballo. hai unha ligazón na parte superior desta bitácora pero tamén vos copio a url por se queredes axudarme a difundir a información:

http://luagris.net/obradoiros

até o de agora os froitos de todo este traballo son estupendos. e confío en que as futuras colleitas han ser tan boas.

publicado en actualidade obradoiros

comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *