ir ao contido →

correa corredoira

emocionoume esta noite no de carmen xabier correa corredoira lendo este poema adicado á súa filla e que pecha o seu libro os días adiados (espiral maior, 2009)

correa corredoira

Io, tan marabillado quedei da túa nacenza
no lucífero raiar daquel outono, tanto,
que desistín destes versos ata hoxe. A mar
devalara na lúa chea. Saíches do quirófano
coa túa nai sorrinte, envolta nun pano verde.
“Mira, Xabi, é lindísima…” acertou María
e asomeime de punteiras ao teu repouso.
Arrolándote, berberechiña, embebido
ni cinsento azul dos teus ollos abertos
ao tremelucente cubismo dos claroscuros,
conxureime contigo contra o mundo. Todo
o tiñas pequeno: O nariz no que che sorbía
o moco, a boca axeitada á mamila,
as mans aínda pechadas, as orellas sen furar
ao non pedilo ti (co tempo, traspasarías
tamén a lingua) e os pés de dedas miudiñas;
dun calcañar piquei sangue, unha pinga para
probar a túa saúde. Os meus ósos xa tiñan
un sempre polo que se soster e afeiteime
a cabeza, tirando os pelos do pasado:
Pretendía nacer contigo, outra vez. Pinteite
no colo materno, trono de deusa xitana,
para que estiverades no portal de todos
os misterios das Xubias e agora, tras
vintecatro voltas ao sol, a forma rodante
do canto escuro chegoulle ao fartureiro
amor sacro: O teu arroto leiteiro, filla!

Vilar de Locrendes, setembro, 2007

publicado en Sen clasificar